Atalaia

Imaxe da exposición En terra de ninguén. 2013
> En terra de ninguén
Datas: 25/04/2013 - 14/06/2013

Descrición

 

 

En terra de ninguén contará con obras pictóricas de seis dos artistas máis representativos da 2ª e 3ª xeración do Realismo español contemporáneo: Fernando Rodrigo, Jesús Ibáñez, Roberto González Fernández, César Luengo, Clara Gangútia e Carlos Díez Bustos. 

A mostra rende homenaxe a exposición Terra de ninguén celebrada no Centro Cultural da Vila de Madrid en 1992, que contou cos artistas máis representativos das xeracións do Realismo español contemporáneo que apareceron tras a 1ª, á que pertenceu Antonio López. Agora, seis dos dezaoito artistas que participaron nela, expoñen xuntos por primeira vez.

As pezas que compoñen a exposición son de pequeno formato e están pintadas na súa maioría ao óleo, a excepción da presenza do acrílico, a témpera e o pastel en dúas exquisitas obras de Fernando Rodrigo, que nos sitúan fronte a detalles arquitectónicos moi estudados, tratados coma se fosen personaxes humanos; unha sorte de retratos do seu estado de ánimo que, sen dúbida, conmoven.

Jesús Ibáñez propón un curioso tríptico a xeito de fragmentos do que poderiamos considerar un autorretrato, que se deteñen nun momento preciso rodeado dun intenso halo de misterio e que formulan un enigma aínda por resolver...

Roberto González Fernández presenta en Espacio48 tres "terras de ninguén" que están sempre no seu punto de mira e que resultan xa emblemáticas na súa traxectoria: unha inmóbil, a Bass Rock; outra móbil, Arriaza; e finalmente unha simbólica, a Torre de Babel; todas elas inevitablemente gravadas a lume na pel do artista.

César Luengo colorea e escurece o espazo pintado co seu forte carácter nostálxico, algo que logra transmitir coa textura mate das súas paisaxes plenas de distintas tonalidades verdes que rematan conformando un conxunto extremadamente lírico.

 

 

 

Clara Gangútia expón nesta ocasión tres pequenas pezas cheas de significación, nas que destaca a súa pincelada cada vez máis colorista, cargada de dinamismo e rotundidade, así como a forza e vitalidade dos personaxes que se coan nas súas "terras" para deixar de ser "de ninguén" e pertencerlles só a eles mesmos.

Finalmente, Carlos Díez Bustos a través de pequenas mostras minuciosamente estudadas en canto a composición, cor, luces e sombras, demóstranos a súa paixón pola arquitectura, a escultura e a música, que aparecen, na súa obra cunha simboloxía moi particular.
Texto: Cristina Moreiro

 

Fonte: Espacio 48