Atalaia

Carlos Maciá. 249 litros. 2015
> Carlos Maciá. 249 litros
Datas: 16/01/2015 - 05/04/2015

Artistas

Carlos Maciá

Comisariado

Ángel Calvo Ulloa

Descrición

Esta mostra abre un novo espazo expositivo no MARCO. A partir de xaneiro de¡o 2015, o lugar ata agora dedicado a tenda-librería no vestíbulo principal do MARCO convértese en sala de proxectos, retomando o espírito do Espazo Anexo na praza peonil posterior (2004-2011).

Seguindo un dos signos distintivos do MARCO, esta nova liña de programación pon especial énfase na produción propia, tanto no que se refire ás obras en si —novas producións realizadas especificamente para este espazo— como ao comisariado —ciclos de exposicións por proposta dun mesmo comisario, con periodicidade anual.

A programación ábrese co ciclo Intertextual, comisariado por Ángel Calvo Ulloa. O ciclo inaugúrase coa intervención de Carlos Maciá titulada 249 litros.

Esta mostra establece unha mirada cómplice coa exposición de Angela de la Cruz que en 2004 abriu o antigo Espazo Anexo. A intervención de Maciá realizada en 2013 no Pavillon Suisse de Le Corbusier en París, ou a recente 15 litros en Madrid, supuxeron dous bancos de probas para unha obra que supera os límites do abarcable e que representa para o artista un desafío a todos os niveis.
A obra de Carlos Maciá mantén un estreito vínculo coa arquitectura. Procedente do eido da pintura, o seu traballo pasa en ocasións a desenvolverse sobre os muros do espazo expositivo, superando así o soporte bidimensional e establecendo un diálogo coa arquitectura, que envolve o espectador. A entrada de luz modifica o ámbito e capta eses momentos precisos nos que algo máxico parece estar a acontecer, como unha escusa perfecta para deterse e esperar.
Fonte: MARCO