Atalaia

Anna Katerina Martin. Fotografía da serie Ensamlandet [Terra de soidade]
> Anna K. Martin. Ensamlandet (Terra de soidade)
Datas: 31/01/2012 - 23/03/2012

Comisariado

Anxela Caramés

Descrición

Para os artistas unha das fontes creativas máis habituais é o seu espazo íntimo e persoal. No caso de Anna Katarina Martin (Estocolmo, Suecia, 1976), nese ámbito privado está a historia da súa nai sueca, Ulla Kruse, que se veu durante a época franquista para casar cun español e se atopou de fronte cunha sociedade patriarcal e machista na que ela non encaixaba. Partindo das súas fotografías e testemuño sonoro, Anna Katarina Martin amosa na Sala Alterarte. Ensamlandet (Terra de soidade), esta soidade e incomprensión que sofre unha estranxeira en terra hostil, e que foi o caso de súa nai e doutras moitas mulleres dos anos sesenta e setenta.

Segundo explicou Anxela Caramés, comisaria da mostra, a creadora partiu para a realización da súa obra de dous referentes, como son a historia persoal de súa nai e a incomprensión da personaxe interpretada por Ingrid Bergman na película Stromboli. Terra di Dio, dirixida en 1950 por Roberto Rossellini, localizada nun pequeno pobo dunha illa italiana co volcán homónimo como gran protagonista. "Anna indaga na súa historia persoal para falarnos dalgo máis xeral, do choque cultural entre a sociedade mediterránea e a sueca do anos sesenta e setenta", apuntou Anxela Caramés.

A mostra consta da reprodución dun fragmento dunha carta da nai de Anna Katarina Martin á súa familia española nun castelán aínda moi básico, e tamén dunha entrevista sonora e diferentes fotografías. Nelas a artista intenta recrear a historia da súa nai, establecendo sutís paralelismos entre as situacións vividas por ela e as vividas por Ingrid Bergman en Stromboli. Ademais, a artista transmútase en certo modo na súa nai, auténtica protagonista da exposición, ao expresarse coas súas verbas na tradución española do testemuño materno que foi gravado en sueco e tamén cando a substitúe fotograficamente na recreación dun momento familiar concreto, no mesmo lugar onde fora tomada a instantánea orixinal.

"Cando vin na casa da miña avoa as fotografías de miña nai comprendín que tiñan o seu propio discurso, máis próximo e persoal que o da película con Ingrid Bergman", explicou a creadora. Por este motivo escolleunas como centro da súa exposición. "A miña nai era a típica sueca fisicamente, fumaba, viaxa e traballaba. Por este motivo sufría a mirada de xuízo dos demais, era o paxaro exótico observado e sentía a soidade da incomprensión e a incomunicación noutra cultura diferente", destacou Anna Katarina. Contra esta situación, e con esta exposición, a creadora salienta a súa reivindicación do feito de que "a modernidade entrou en España co turismo e con mulleres coma Ulla Kruse -a súa nai-".

Fonte: Rosa Tedín (DUVI, Diario da Universidade de Vigo) / Sala Alterarte. Campus de Ourense.