A mostra, comisariada polo crítico e historiador José Marín-Medina, presenta un percorrido pola arte escultórica -maioritariamente a partir de obras de autores galegos, xunto a outras dalgúns artistas españois e portugueses-, na súa etapa contemporánea. Para esta análise cronolóxica estableceuse unha segmentación en consonancia con criterios baseados tanto nos materiais coma nas formas. Deste xeito, iníciase o percorrido cunha sección titulada Materia e expresión, cuxa primeira parada está centrada nos creadores de espírito atlántico, naqueles que empregan os materiais propios de Galicia para as súas obras, á vez que as vinculan indisolublemente co país. Este nexo coa tradición dilúese no seguinte período, cando aparecen materiais sintéticos coma o poliéster, creando un momento en extremo rachador. A segunda sección está centrada na representación da escultura como símbolo, sendo precisa a participación activa do espectador para interactuar cunhas obras que se presentan como canles expresivas dos autores, cuxas mensaxes deben ser descifradas por un público atento e sensible ás coordenadas artísticas. En último lugar, e como peche deste estudo, o paso do obxecto escultórico á instalación conforma, quizais, un dos aspectos máis controvertidos para esta disciplina desde o punto de vista dos teóricos da arte. A colaboración institucional entre a Fundación Novacaixagalicia e Novagalicia Banco favoreceu o desenvolvemento da exposición na que vinteseis pezas de ambas as coleccións ilustran os diferentes banzos artísticos que se foron superando na escultura contemporánea.
Fonte: Obra Social Novacaixagalicia