Atalaia

Thomas Hirschhorn, Equality Float [Carroza da Igualdade], 2008
> 7 + 1 Project Rooms
Datas: 10/10/2008 - 19/04/2009

Comisariado

Gerardo Mosquera

Descrición

Por primeira vez na historia da programación do MARCO de Vigo, o museo presenta unha exposición que non é unha mostra colectiva propiamente dita. Da man do comisario Gerardo Mosquera, conseguiuse reunir un grupo de oito artistas, a maioría deles creadores de primeira liña cunha importante traxectoria e innegable prestixio internacional, para levar a cabo un proxecto que é resultado da combinación ou da suma de oito proxectos individuais.

‘7+1 PROJECT ROOMS' parte da estrutura da planta baixa do MARCO, con sete grandes salas que poden ser utilizadas como espazos independentes, para presentar a proposta dun artista diferente en cada unha delas. Así, a exposición consiste en sete mostras persoais que teñen lugar ao mesmo tempo e que poden ser percorridas nun mesmo lugar, pero que conservan a súa autonomía. A elas engádese a fachada do Museo. Un total de 7 +1 Project Rooms onde os artistas desenvolven as súas propostas.

O esforzo de produción que acompañou a esta mostra vén dado porque todas as obras foron realizadas especificamente para cada espazo da planta baixa do MARCO, e destinadas a este proxecto en concreto, ben se trate de obras ex novo ou ben dunha recreación ou adaptación de obras xa existentes, que no contexto de '7 +1 PROJECT ROOMS' adquiren un novo significado. Neste caso, o papel do comisario non consiste en trenzar un contido temático ou conceptual específico, senón en seleccionar artistas e obras que poidan lograr oito presentacións persoais, en situalos no espazo máis axeitado para cada un, en garantir un conxunto xeral consistente e propositivo, e en controlar o diálogo e convivencia xeral entre participantes, ambientes, obras e público. Esta aproximación correspóndese cunha visión actual do comisariado que tende cara a esquemas máis libres e flexibles, e que concibe as exposicións como espazos de eventos non controlados. Unha tendencia incipiente que constitúe unha reacción ante a excesiva intelectualización das exposicións e a hexemonía impositiva adquirida polos comisarios nos últimos tempos.

Agora ben, os participantes foron seleccionados de modo que se puidera manter unha coherencia xeral na exposición. Con este fin reuníronse artistas capaces de responder aos espazos do MARCO no que poderiamos idealizar como un ‘espírito de project room' (libre, experimental, investigador). O predominio de instalacións que configuren ambientes específicos en cada unha das salas brinda cohesión formal ao conxunto de proxectos. A selección orientouse a artistas procedentes de distintos países e con experiencias e idades disímiles, pero todos con inclinación cara a temas sociais (política, poder, violencia, xénero, medio urbano...) e á investigación sobre a propia arte, os seus recursos e morfoloxías, como medios para construír e deconstruír sentidos complexos. O resultado é un conxunto de presentacións cun marcado espírito crítico.

Fonte: MARCO