Atalaia

Óscar Villán
 Óscar Villán
Ourense (1972)
Vive e traballa en: Santiago de Compostela

Os chapeus de monsieur Óscar Villán

Nado no 1972, fuxidiamente en Valladolid, aínda que criado en Ourense e residente en Santiago de Compostela, Óscar Villán comeza por considerarse un técnico en carpintería -digno de emparentarse coa estirpe do Gepetto pinochiano-, caseque antes que licenciado pola Universidade de Vigo, Facultade de Belas Artes de Pontevedra, especialidade de Pintura.

Aínda así, a súa faceta máis coñecida é a de ilustrador, especialmente pola súa dilatada colaboración coa editorial Kalandraka (Pontevedra), onde, entre outras tarefas, ten coordinado a colección de libros, con letras pero sen palabras, Alfabetos.

É, precisamente, a partir do seu primeiro libro ilustrado con Kalandraka, O coelliño branco / El conejo blanco, cómo acada o Premio Nacional de Ilustración 1999. A partir dun conto popular portugués -do que Xosé Ballesteros adaptou o texto-, Óscar Villán realizou as súas persoais e características imaxes de liña fina para darlle corpo e vida ao roedor branco de orellas alongadas e peito sonrosado. Desde entón, Óscar diversifica a súa fértil actividade a través da edición de libros, illustracións para revistas, catálogos e outras publicacións -non só de carácter infantil ou xuvenil-, carteis, imaxes para exposicións, fotografías, obxectos, mesmo deseño de personaxes para compañías de monicreques.

En palabras do propio Óscar: "A cuestión sería que probei a dedicarme a esto de facer imaxes por tratar de explotar e aproveitar o lado poético e... xoguetón que temos. Por non deixalo murchar e evaporarse. A arte vive desa actitude e quixen participar no asunto. Por ter cada mañá un papel en branco enriba da mesa no que nunca teño de todo claro que vai pasar. O que sei é que esa faceta, digamos poética, váise poñer a funcionar...”.

E funciona. Vaia se funciona. Como unha auténtica cocteleira de delicatessen, capaz de concentrar nas súas imaxes un pulo poético, humanista e humorista ao mesmo tempo, entusiasta das mellores causas sociais e culturais, pero tamén coa porcentaxe precisa de ironía afiada como gume de navalla. Iso sí, sen ferir gratuitamente nen caer na ácida ou estéril crítica nihilista. Se cadra, o único malferit sería o propio Óscar, contaxiado e infundido polo espírito de autores tan diversos como Saul Steinberg, José Gutiérrez Solana, Man Ray, René Magritte, Joan Brossa, Chema Madoz, Duane Michals, Jacques Tati, Roland Topor, Georges Perec, Joan Fontcuberta, Daniel Gil e un longo etcétera. Todos xuntos, e máis, ben poderían constituír a súa particular xenealoxía de gustos e afinidades.

Unhas veces metafísico sentimental, outras surrealista de humor gris tirando a negro, mais sempre cordial como para compartir a descuberta dun chapeu que agocha doses de maxia e fascínio. E profesional, eficaz e resolutivo ao longo dos seus procesos de traballo nos que consegue harmonizar ideas e formas, contidos e colectores, materiais e recursos, alegorías e representacións, escenas e viñetas, para chegar a unha sutil elocuencia que xa é marca de autor deste artista e ilustrador.

Seve Penelas (Febreiro 2013)