Atalaia

Suso Fandiño
 Suso Fandiño
Santiago de Compostela (1971)
Vive e traballa en: Santiago de Compostela

Bang, bang, bang?*

Posiblemente o cirurxián que remendaba o desvalido peito de Andy Warhol, tras o expresionista refacho de Valerie Solanas, descoñecía que en cada puntada de agulla atopábase un dos símiles máis interesantes da segunda metade do pasado século XX. Como cada unha daquelas incisións reparadoras, a posibilidade de habilitar o deshabilitado convértese nunha tarefa delicada e decidida pola que deixarse levar.

As posibilidades reparadoras da arte contemporánea foron reducidas en moitos casos á súa mínima expresión, a nosa posibilidade e necesidade de pateadura parécese máis ao movemento descontrolado dunha galiña recentemente decapitada.

Como case sempre, corren tempos de aceno ante o espello, como resposta ante un modelo que se empeña con obstinada persistencia en transitar os lugares xa percorridos por xeracións de artistas falecidos en ingrato acto de servizo. Sería plausible ver a alguén apagando as luces e poñendo o cartel de pechado por vacacións a este circo, xa que sen dúbida atopámonos ante os estertores dun modelo de autoría e produción pagas de si mesmas con dubidosas honras. O contexto artístico, na súa aparente complexidade, tenta desesperadamente agarrarse e reinventarse no seu propio rigor mortis, a pesar da incómoda sensación e a mala conciencia que a todos se nos queda.

Detrás desta posición de dubidoso equilibrio, e peor equilibrismo, atopámonos nun punto da viaxe onde o jet lag provocado polas diferenzas entre a nosa autocompracencia e a crúa realidade, condúcennos ao destino tristemente merecido, sen preocuparnos porque alguén extravíe as nosas maletas, porque do mesmo xeito que ao Marcel Duchamp de 1917, toda nosa roube de chambre consiste nun cepillo de dentes.

As posibilidades de establecer un novo ámbito de acontecemento, derivan cara ao cuestionamento do modelo de produción, e así mesmo á (re)invención das canles de distribución de obxectos ou situacións artísticas, mentres tanto o espello coñecerá todas as posibilidades de contorsión facial que o noso aceno nos permita realizar. Para iso, e como o remendo sobre a carne viva, impónse afundir a agulla e corrixir o rictus.

Suso Fandiño

*Nova York, 3 de xuño de 1968. Onomatopea aproximada do son producido polas balas ao saír da pistola de Valerie Solainas con dirección ao corpo de Andy Warhol.