Jorge Barbi
As múltiples situacións que se presentaron ao longo da carreira de Jorge Barbi provocaron que o seu traballo sexa moi diverso. Por iso, a pesar de que hai elementos que se repiten constantemente nas súas obras, como o paso do tempo, o azar, o humor ou os xogos de sentido da linguaxe, resulta difícil tomar un fío condutor que defina ou unifique a súa xa longa traxectoria.
Disto dedúcese que as súas obras non perseguen unha vontade de “estilo”. Nin tampouco mostran interese por evidenciar a marca do autor, senón que tratan, simplemente, de evitar toda impresión predeterminada e adoptar a forma adecuada en cada momento, e en cada lugar, con resultados sorprendentes. Así, unha obra de Jorge Barbi pode resolverse, formalmente, en soportes tan dispares como un obxecto, unha fotografía dixital, un debuxo a tinta, unha instalación ou unha intervención no espazo público. Sempre cunha atención especial pola elección dos materiais e as técnicas que mellor se adaptan a cada circunstancia.
Neste sentido, o proceso que conduce a Jorge Barbi desde a idea inicial até a obra terminada, así como a súa vinculación a espazos xeográficos determinados, resulta esencial para comprender o seu traballo. Nunha peza como Eiras (2000-2003), por exemplo, as fotografías en branco e negro dun mesmo lugar, na ribeira do río Miño, en dous momentos diferentes, son o resultado dos paseos diarios do artista durante moitos anos pola costa da comarca na que vive no sur de Galicia. De maneira similar, Materiais do noroeste. Exportación (1992) consiste en catro caixas de aluminio idénticas que gardan restos de ladrillos, de ósos de pexego, de cristais ou de raíces erosionadas e puídas polo mar, que Barbi recolleu nas súas camiñadas polas praias que rodean o seu taller. Mentres que, noutras obras, máis antigas, como a serie de figuras antropomorfas que construíu durante a década do oitenta, con obxectos e residuos que recollía na mesma zona, o comportamento era esencialmente idéntico ao das anteriores, pero cun resultado moi diferente.
Xunto a estas obras, Jorge Barbi aplicou este tipo de formulacións sensibles ao proceso e ao contexto en varias instalacións deseñadas para “sitios específicos”. En 1997, por exemplo, o Centro Galego de Arte Contemporánea convidouno a realizar unha proposta. Alí, o artista reproduciu as seis caras interiores dun dado nas paredes dunha sala (que tiña as mesmas dimensións que un cubo perfecto), xunto a unha maqueta colocada nunha peaña, na que se vía o mesmo espazo reducido en escala. Máis recentemente, en 2006, e xa fora do espazo expositivo, o artista construíu un alminar de catorce metros de altura que xurdía de súpeto entre os tellados do centro histórico de Santiago de Compostela para medirse coas torres da catedral na que se gardan os restos do Apóstolo “Matamoros”. En ámbolos dous casos, a reflexión sobre as distintas capas de sentido que se acumulan no espazo, facían referencia, á súa vez, á memoria e a percepción subxectiva da contorna. Polo que se podería dicir, en poucas palabras, que o único elemento que se mantén constante na obra de Jorge Barbi é a vida como referente principal da súa obra.
Pedro de Llano
[Texto publicado por vez primeira no libro Cien artistas españoles, Exit, Madrid, 2008]