Atalaia

Federico Fernández (Fredi)
 Federico Fernández (Fredi)
Vigo -Pontevedra- (1972)
Vive e traballa en: Vigo

Federico Fernández: urxencia, inocencia e outras pulsións

 

 Se nos achegamos ao mundo plástico de Federico Fernández, Fredi (1972, Vigo), ademais de encontrarnos coa superación disa taxonomía entre pintura e ilustración, atoparemos tamén esa riqueza de quen é capaz de construír un mundo propio. As súas orixes como artista as encontramos na pulsión expresiva vivida na súa adolescencia. Os debuxos de pupitre, os apuntes e libros de texto garabateados da súa época escolar, non son máis cá o principio, o demiurgo a partir do que se vai construíndo un artista singular, un artista que pinta, debuxa, grava e ilustra coa urxencia de entablar un diálogo consigo mesmo e a necesidade de comunicar aos demais as conclusións ás que chega con ese diálogo especular. Esa urxencia quizáis sexa o motivo de que as súas referencias máis importantes non veñan do mundo da pintura, senón da música popular e a cultura urbana. O Punk, o graffiti, o cómic e máis a televisión son o caldo de cultivo a partir do que Fredi comeza a construírse como artista plástico. Todos eles, contextos expresivos do inmediato: vibrantes, rápidos, esquemáticos e fáciles de ler.

É evidente que nesta actitude tan fresca coincide, tanto nos plantexamentos como nos resultados, con non poucos movementos artísticos das vangardas como o expresionismo alemán e os neoexpresionismos que rexurdiron en diferentes momentos e lugares na vella Europa e a insultantemente ricaz e nova Norteamérica. Jean-Michel Basquiat é un punto de inflexión. Logo viría o oficio, o coñecemento das diferentes técnicas de gravado, pintado, etc. Sen embargo, antes está esa actitude de pintor urxente que, malia a acidez do punk, conserva un candor que lle permite recuperar, conservar e actualizar unha mirada infantil, unha inocencia a partir da que traballa no mundo da ilustración de contos infantís e xuvenís cunha naturalidade envexable -obtivo o Premio Nacional de Illustración no ano 2001-, sen renunciar ás características principais da súa pintura, como o esquematismo, a economía de medios, a narratividade e a concreción, ofrecéndonos unha poética visual disfrazada de lixeireza que, sen embargo, contén unha profunda carga do coñecemento da natureza humana.

Fredi afírmase así, desde a súa madurez, como unha sorte de Dubuffet posmoderno, en cuxa inocencia está a chave tamén da complexidade do mundo do noso tempo.

Javier Pérez Buján

 Director da Fundación Laxeiro, Vigo

(Marzo, 2012)