Atalaia

Bosco Caride
 Bosco Caride
Vigo -Pontevedra- (1963)
Vive e traballa en: Vigo

 

Atrapado no ritmo

Entre os gregos, segundo Jaeger, a idea de ritmo non tiña o mesmo sentido que para nós. Entendemos, en xeral, o ritmo como unha repetición pautada de elementos sensoriais. Este sentido de pulso temporal sóese asociar, na actualidade, con contidos de dinamismo e fluencia. Na Grecia clásica polo contrario, o ritmo relacionábase coa idea de estrutura. En música, o ritmo era visto como unha forma fixa, que limitaba ou encerraba á melodía.

É esta acepción a que permite a Prometeo, encadeado a una rocha exclamar “atópome encadeado aquí neste ‘ritmo’. A idea de ritmo é usada como repetición cíclica, pero cun matiz negativo de encerro.

Algo desta forma de entendelo ritmo está tamén presente na nosa cultura. A experiencia rítmica non só se ve como un desenvolvemento temporal, potencialmente cambiante e liberador, senón tamén como un esquema que somete. Pensemos en alguén que leva un ritmo de vida abafante, do que lle resulta moi difícil escapar.

Encontro na obra de Bosco Caride unha ilustración perfecta destas ideas. As vistas urbanas están organizadas a partir da repetición dun ou varios elementos que ocupan a maior parte do campo visual; as formas reprodúcense rítmicamente, creando unha vibración. Pero non podemos esquecer que estas pinturas proveñen da experiencia cotiá; parten de fotografías tomadas en espazos próximos, á vez locais e globais. Son imaxes roubadas ó paso fugaz do momento, ás configuracións espaciais do contorno social. Imaxes que falan de consumo, de vivenda, de ocio… Vexo por todas partes enreixados, reixas, valados, acumulacións, de víveres e mecanismos; edificios alzándose como como unha visión do fogar planificado.

En cambio, non vexo figuras humanas. Esta é unha forma de aludir os cidadáns. Di o propio pintor: “Estas paisaxes non só reflicten lugares, senón que nos falan de hábitos e costumes de quen os habita”.

Paréceme que as persoas que habitan estas paisaxes sofren unha aliñación importante. Están atrapados nesa estrutura repetitiva do consumo, do traballo, da hipoteca… E así, día tras día, ano tras ano. Atrapados no ritmo.

É interesante comparar estas pezas con outras pertenecentes a series anteriores.

Nos seus primeiros traballos, formas abstractas organízanse en secuencias verticais, nunha suxestión de movemento de raíz cinematográfica ou compoñén estructuras ortogonais, cunha evidente asociación arquitectónica.

Posteriormente, a tecnoloxía, a mediación, fan acto de presenza; introdúcense técnicas de reproducción como a serigrfía, a imaxe é manipulada por medios electrónicos… a obra arrefríase, pero sempre mantendo a pauta repetitiva.

Dalgún xeito, os traballos actuáis suponen, una síntese destas dúas grandes series. As obras están realizadas a partir de fotografías. Este procedemento supuxo para Bosco un redescubrimento da inmediatez, do control sobre o proceso, o que propiciou un paso dun campo de significado moi aberto a outro moito máis definido. E este novo referente é o contorno próximo do artista, a cidade como espazo físico e social.

Así, mantendo ao longo da súa obra un esquema formal prácticamente constante, baseado no uso de ritmos repetitivos, o artista soubo cárgalo con connotacións lexibles, compartibles. Esta capacidade de dotar ás configuración formais procedentes da tradición modernista con contidos de carácter ideolóxico é común a algún dos pintores actuáis máis interesantes como Peter Halley ou Sarah Morris.

A forma pasa de ser un significante aberto, a adquirir una función moi específica, a crear un efecto comunicativo. A estética deixa de ser entendida como una actividade mental desligada da experiencia e da supervivencia. En palabras do artista alemán Hans-Peter Feldman: “Calquera cousa que axude a vivir é intuitivamente estética. A arte é una comunicación moi arcaica entre eu e os outros”.

Bosco Caride toma un recurso clásico da pintura abstracta e cárgao con asociacións metafóricas, para facer que cuestionémola nosa propia condición humana.

Ignacio Pérez-Jofre